Swave: o primeiro (?) grupo virtual de Latinoamérica

xoves, 3 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Que pode ser hoxe en día exactamente unha banda de música virtual? Un grupo que ten moito potencial pero nunca chega a materializalo? Un conxunto heteroxéneo de robots dando a murga até altas horas de mañá e non atopando resposta os golpes coa vasoira da veciñanza? Para os responsables de Swave, a cousa está ben clara: unha banda de música virtual é unha banda moi semellante á deles no xeito de actuar (e pode que até na música, por aquilo de que o medio inflúe na mensaxe). Non en van, preséntanse a si mesmos como a primeira agrupación destas características de Latinoamérica e, polo que podemos ver en Mangas Verdes, xa están a abrirse camiño mesmo na palestra de MTV. Como era de agardar, tratándose como se trata dun conxunto xurdido ó abeiro da Rede, achegan a súa música en liña e, polo que nos contan, a un prezo ben razoable.
Ademais, é posible facer descargas de balde dalgúns dos seus produtos.
Se cadra, o caso desta banda colombiana é en si mesmo un exemplo a seguir ou, tamén, un vieiro interesante e apenas transitado para outras agrupacións. Mais cómpre ter en conta isto: poida que sexa esta a derradeira ocasión en que o xurdir dunha banda virtual sexa información relevante. O día en que deixe de ser noticia o feito de que un grupo se promova integramente a través da Rede, estaremos probablemente ante a chegada real dun novo tipo de relación entre o que fai a música e o que a escoita. Agardamos que esa nova orde implique máis accesibilidade, mellor contacto e menor prezo. Swave semella que vai por esa liña.

PUBLICIDADE