Svilen Dimitrov amosa en Gradiant a súa experiencia europea en materia aeroespacial

mércores, 12 de marzo do 2014 Redacción

Ao abeiro do Proxecto LIFTGATE (Lifting Up the Research Potential of the Galician Telecomms Center), financiado pola Comisión Europea a través do seu sétimo Programa Marco, estanse levando a cabo, dende a nosa terra, frutíferos intercambios de profesionais da investigación con entidades de primeira liña do ámbito europeo da Investigación e o Desenvolvemento (I+D). É o caso do doutor Svilen Dimitrov, procedente de DLR (a Axencia Aeroespacial de Alemaña) que segundo nos contan dende Gradiant atópase estes días intercambiando experiencias e coñecemento, cara a cara, cos profesionais do centro tecnolóxico emprazado en Vigo.
Dimitrov, que ficará en Gradiant ao longo de catro semanas, é licenciado e máster MSC pola Universidade de Bremen e doutor en Enxeñaría pola de Edimburgo. O seu eido de especialización, engaden fontes do centro tecnolóxico galego, é a comunicación por satélite. Tivo ocasión de ampliar esta experiencia na Axencia Aeroespacial xermana e máis na EADS (European Aeronautic Defense and Space, responsábel entre outras cousas do AirBus). Ao longo da súa estadía en Gradiant, Dimitrov amosará múltiples detalles do seu percorrido nas ditas entidades e do seu traballo en materias concretas de comunicacións por satélite e de eficiencia na utilización do espectro.
Lembrar que o proxecto LIFTGATE, no que se insiren este e outros intercambios, é unha iniciativa dirixida a pór o noso potencial investigador, no eido das novas tecnoloxías da información e das telecomunicacións, o máis preto posíbel de Europa. Máis en concreto, este proxecto financiado pola Comisión Europea a través do VII Programa Marco (o Programa de Capacidades-RegPot), encamíñase a aumentar a competitividade do centro Gradiant como centro tecnolóxico a nivel europeo. A este respecto, trátase dunha iniciativa viva que cada pouco estreita ligazóns entre Gradiant e o tecido innovador internacional.

PUBLICIDADE