Suxiren que a Xbox One podería ser unha boa ferramenta para as empresas

xoves, 11 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Aínda quedan varios meses para a chegada da Xbox One ás tendas, e aínda que se trate dunha consola de videoxogos, dende Microsoft queren deixar claro que pode ser moito máis, e nun dos blogs da compañía de Redmond un dos responsables da nova máquina, Marques Lyons, escribiu unha interesante entrada na que insta a ter en conta o uso da Xbox One dentro das pequenas empresas.
Considera que o prezo de 499 euros da máquina é o suficientemente reducido como para xustificar a súa compra, pensando na Xbox One como un equipos para estar conectado, por exemplo, a unha pantalla para presentacións, que podería ter moita utilidade para, por exemplo, facer multi-conferencias de vídeo con Skype (pois a consola inclúe unha nova versión de Kinect con vídeo Full HD). Tamén considera interesante o feito de que a nova consola pode acceder ao ficheiros de Skydrive (o que pode servir para presentar nunha sala de xuntanzas uns documentos que podamos subir a través dun navegador web sen precisar de conectar un portátil a un proxector), tamén pode tirar proveito de Wi-Fi Direct e SmartGlass, de xeito que podería amosarse unha presentación nun televisor e controlar mentres o Internet Explorer cun tablet; e mesmo tirar proveito da versión web do Office grazas a que a Xbox One incorporará Internet Explorer. Aparte desas ideas, Lyons lembrou que aparecerán aplicacións para Xbox One que poderían ser moi prácticas para os negocios, polo que estariamos ante unha solución profesional moi interesante (principalmente por ter un prezo moito máis asumible que outras solucións dirixidas á empresa que son moito menos flexibles).

PUBLICIDADE