Sundar Pichai convértese no novo director xeral de Google

martes, 11 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A pasada noite Larry Page publicou un comunicado no que daba conta da traxectoria da súa compañía, de como hai 11 anos naceu Google coa intención de non converterse nunha compañía convencional, de aí que fixesen curiosas incursións en ámbitos diferentes ao seu negocio principal (o buscador web) como serían Google Maps, YouTube, Chrome, Android... conseguindo levar adiante proxectos que no seu inicio parecían unha tolería. Para conseguir seguir na mesma senda dun xeito máis ordenado, decidiron reestruturar a empresa, creando unha nova compañía chamada Alphabet, da que Larry Page pasa a ser o director xeral e Sergey Brin o presidente, e que sería un conglomerado de empresas nas que Google só sería unha máis.
Deste xeito será máis doado entender que proxectos como Life Sciences (que desenvolve lentes de contacto que miden o nivel de glicosa en sangue) ou Calico (enfocada a incrementar a lonxevidade) atopan acubillo baixo o paraugas de Alphabet, en vez de verse relacionadas cun buscador de Internet.
Deste xeito, cada compañía tamén poderá traballar con independencia, e con cadansúa dirección, o que incluso afectará a Google, que tamén vese afectado por este cambio, promovendo a Sundar Pichai ao posto de director xeral de Google, o que supón un fornecemento da súa posición na compañía, xa que até o momento xa estaba á cabeza do negocio de Internet de Google.
Alphabet continuará a amparar novos proxectos e os laboratorios experimentais que até o momento tiña Google, e como cambio visible desta reestruturación a nova compañía será a que opere no mercado bolsista, cunha conversión directa de accións, e mantendo os seus anteriores identificadores para non provocar confusión e, de feito, a nova da reestruturación da empresa provocou a suba da súa cotización.

PUBLICIDADE