Storytel chega como un Spotify de audiolibros

luns, 13 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Cada vez estamos máis afeitos a contratar servizos como Spotify ou Netflix, que ofrecen por unha cota fixa ao mes un completo catálogo de contidos musicais ou audiovisuais, e nesta liña chega a España Storytel, un servizo que achega audiolibros e libros electrónicos que van dende bestsellers até grandes clásicos, que podemos probar de balde durante 14 días e que ten un prezo de 9,99 euros/mes.
O funcionamento de Storytel baséase principalmente nas súas aplicacións móbiles para iOS e para Android, que ofrecen non só o acceso ao catálogo completo de Storytel a través da Internet, senón que tamén permiten a descarga dos contidos para o seu acceso sen conexión.
A plataforma quere popularizar o consumo de audiolibros, algo moi pouco habitual en España, pero que resulta moi práctico para quen quere gozar da literatura en momentos nos que non pode ler, como nas viaxes en automóbil, e para conseguir a súa popularización o grande problema que ten Storytel é o seu catálogo, que aínda non conta con suficientes títulos en español como para xustificar unha subscrición mensual agás para usuarios moi específicos.
Estiman que de cara ao Nadal terán un milleiro de títulos en español dispoñibles, o que é bastante inferior aos 35.000 títulos en inglés, pero é un bo sistema para introducirse no mundo dos audiolibros, e de progresar adecuadamente o catálogo dispoñible podemos ter aquí un servizo que se converta en todo un referente, como xa é noutros países europeos nos que está presente.

PUBLICIDADE