Steve Ballmer confirma que Office terá versión para iPad

mércores, 9 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Imaxe da intervención de Ballmer captada por Becky Vasques

No marco do simposio ITxpo 2013 organizado por Gartner, o aínda director xeral de Microsoft, Steve Ballmer, fixo unhas importantes declaracións relativas a un dos seus produtos estrela, o Microsoft Office, asegurando que a aplicación contará con versión para iPad en canto teñan lista unha interface táctil para a mesma. Lembremos que en dispositivos táctiles da compañía, como os tablets Surface, a suite ofimática non conta con versión para a interface moderna, senón que execútase no chamado Escritorio, como unha aplicación de Windows tradicional, barreira que ten que superarse, de xeito que para ver o Office no iPad antes deberemos ser capaces de velo nos tablets con Windows (de feito, xa amosaron versións de proba nalgunha presentación de Microsoft).
Ballmer asegurou que xa están a traballar nesta interface, lembrando que actualmente o iPad si pode acceder a parte das prestacións de Office a través da súa versión web (optimizada para o seu uso en tablets con iOS e Android), á vez que tamén lembrou que Office conta cunha versión para iPhone (que vén a ser unha adaptación da aplicación incluída nos móbiles con Windows Phone) e que precisa de ser subscritor de Office 365 para o seu uso, detalle que non saben aínda se manterán cando a ferramenta dea o salto ao iPad.

PUBLICIDADE