Startup Congress Galicia enche Vigo de emprendedores, startups e investidores

xoves, 20 de abril do 2023 S. P.

O evento Startup Congress Galicia vai reunir en Vigo, durante dous días e a partir deste xoves 20 de abril, a emprendedores, novas firmas innovadoras (startups) e investidores. Farao co apoio de Zona Franca e con máis de 700 persoas rexistradas de forma presencial, ademais das que se conectarán a través de Youtube. Na apertura, participaron (na mañá deste xoves) o delegado do Estado, David Regades; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao.
A xornada desenvolverase cun completo programa con charlas con tres salas simultáneas con relatorios, keynotes, entrevistas, mesas de debate, pitches de investimento e entrega de premios ás tres mellores firmas innovadoras. Amais, realizaranse charlas sectoriais onde se debaterá entre actores de cada sector sobre o futuro de diversas áreas.
Conta ademais coa presenza de empresas como Stellantis, Cinfa, Gebro Pharma, Visa, Mastercard, Cesmsa, Roberto Verino ou Grant Thortom. Entre as Sartups estarán Trison, Velca, Efimob, Devo, Getlife ou Ironchip.
Como relatores destacan a Aquilino Peñal, de Kibo Ventures, Dora Casal de Roberto Verino, Ricardo Muiños de Deloitte e a Luis Garay do fondo Samaipata
Nas mesas O futuro de.. debaterase sobre como será a industria retallista, a banca, a saúde, a fraude e ciberseguridade, a alimentación ou o turismo con representantes destacados destes ámbitos que expoñerán en mesas de debate as súas visións sobre os cambios que se produciron e estanse producindo.
Durante a tarde do xoves e a mañá do venres as aceleradoras Viagalicia, BFAero, BFAuto, Celta Labs, Abanca Innova, BFFood, High Tech Auto e Connector Startp Accelerator presentarán as súas mellores empresas aceleradas a un extenso grupo de investidores que poderán dispoñer de espazos particulares para expoñer as súas necesidades e interese para atopar capital e poder sacar adiante a súa idea.
Unha das salas terá como contido máis de vinte obradoiros (workshops) onde serán expostos (en formato de charlas curtas duns trinta minutos) diversos temas de interese para as empresas, por exemplo o mecenado tecnolóxico, as oportunidades e retos na nova Lei de Protección ao Informante, o deseño dunha estratexia integral de propiedade industrial nunha startup, como obter financiamento sen equity para acelerar o noso negocio, como acadar financiamento público, como acceder a investimentos europeos ou como escalar unha startup,
O congreso tamén acollerá este venres unha nova edición do evento tecnolóxico-informal LaconNetwork, que este ano chegou a máis de 1.000 asistentes rexistrados. O modelo está baseado en que calquera pode organizar unha Lacon mensual na súa zona, baixo dúas premisas moi simples: cada un pagará o seu en modo fondo común e non se come sentado para propiciar o networking e a mobilidade dos asistentes.

PUBLICIDADE