Starlink sube de prezo

mércores, 23 de marzo do 2022 Marcus Fernández

O servizo de acceso á Rede mediante satélites de baixa altura promovido por SpaceX, Starlink, está dispoñible comercialmente en España dende hai pouco, con prezos que inicialmente resultaban máis caros do que se esperaba, xa que á súa cota mensual de 99 euros había que engadir 9 euros adicionais para facer fronte a unha taxa establecida pola CNMC, pero agora chegan novas dende EE.UU. que apuntan a un incremento de prezo, de xeito que estarían a pasar de contas mensuais de 99 dólares/mes a 110 dólares/mes.
Polo momento a suba de prezo na cota non se está a reflectir en España (aínda que o máis probable é que pase a ser de 119 euros/mes), pero o que si podemos ver xa é como o equipo necesario para gozar da conexión pasade de custar 499 euros a comercializarse por 639 euros, o que supón un incremento de prezo máis que considerable. Xunto cos gastos de envío e xestión, darse de alta en Starlink en España custaría 699 euros.
Aseguran que a suba de prezos é consecuencia da actual inflación, e non parece que os elevados prezos estean a ser un grande obstáculo para captar clientes, estimándose que na actualidade Starlink conta con preto de 250.000 subscritores, o que daría a entender que aínda hai demasiados territorios nos que a banda larga non está dispoñible mediante tecnoloxías fixas e móbiles.

PUBLICIDADE