Starlink rebaixa o seu equipamento por tempo limitado

xoves, 13 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O operador de Internet por satélite de baixa altura Starlink, propiedade de Elon Musk, está a lanzar unha promoción moi interesante para os que queiran darse de alta neste servizo de banda larga con velocidades de entre 50 e 200 Mbps (cunha media de 130 Mbps) e baixa latencia (o que permitiría incluso realizar videochamadas con normalidade, en contraste cos retardos das conexións satelitais tradicionais). Dende Starlink aseguran que a latencia dos seus satélites de órbita baixa é de preto dos 25 milisegundos, mentres que un satélite tradicionais moveríase no contorno dos 600 milisegundos (de aí que as comunicacións en tempo real resulten deficientes).
Até o 31 de agosto será posible contratar o servizo de Starlink cun desconto do 55% no equipamento, de xeito que se queremos ser propietarios do mesmo só teremos que pagar 199 euros (en contraste cos 450 euros habituais), aos que habería que sumar 23 euros de envío e xestión.
O prezo do servizo é de 65 euros/mes, aínda que cómpre advertir que habería que sumarlle 9 euros/mes dunha tarifa reguladora esixida pola CNMC (ou sexa, que Starlink traslada directamente aos clientes a taxa polo uso do espectro radioeléctrico). Deste xeito, por 74 euros/mes domicilios aos que non chegue a banda larga de calidade a través de fibra o móbil, poden ter unha alternativa moi solvente, que permite teletraballar, gozar de contidos multimedia en liña, e moitas outras tarefas que actualmente quedaban limitadas aos domicilios con cobertura de fibra óptica.

Vídeo no que explican como é a instalación do equipamento de Starlink

PUBLICIDADE