Starbucks achegará acceso de balde a iTunes nos seus establecementos

xoves, 6 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Café e música teñen feito por tradición boa mestura, sempre e cando podamos falar de “café” se falamos desa bebida que che ofrecen en Starbucks, claro. Ironías aparte, o caso é que esta cadea de cafeterías en concreto vén de asinar un acordo con Apple encamiñado a acadar o obxectivo de costume neste tipo de acordos: apoiarse unha acordante na outra e relanzar os seus respectivos produtos. Con independencia de que a bebida de Starbucks sexa dificilmente relanzable, a medida ten o seu interese: trátse de permitirlles ós clientes dos ditos establecementos mercar cancións de iTunes sen necesidade de pagar pola conexión WiFi (sen fíos).
O servizo estará operativo o vindeiro 2 de outubro nos máis de 600 establecementos que a cadea ten en Nova York e Seattle, espallándose máis tarde ás restantes grandes urbes de Estados Unidos. Os únicos (!) requisitos que se piden, amais de concorrer cun equipo con acceso á Rede, son os seguintes: consumir a bebida de Starbucks e aceptar os termos de negocio de iTunes. Asemade, co fin de redondear o negocio, é recomenbable abondo dispoñer do seguinte: ben do novo iPod Touch que Apple está a lanzar ó mercado, ben dun computador con iTunes ou ben co iPhone do que tanto (e tanto, e tanto) se fala ultimamente. Podemos ver máis datos sobre o asunto en CrunchGear.

PUBLICIDADE