StarMedia e Orange andan á procura do/a internauta máis fotoxénico

xoves, 7 de agosto do 2008 Raquel Noya

StarMedia, un dos portais líderes de Internet en América Latina, en asociación coa operadora Orange Dominicana, vén de lanzar, a través da súa web oficial, a promoción Á procura da Moza e o Mozo StarMedia Fotos, que consiste en atopar á persoa máis fotoxénica (ou mellor retocada co Photoshop) de entre tódalas rexistradas.
Dende o 22 de xullo e ata o vindeiro 29 de agosto, todos aqueles mozos e mozas de orixe latina maiores de 18 anos, que queiran darse a coñecer polo seu sedutor sorriso ou polo peiteado de moda que lle fixo o perruqueiro do barrio (e de paso gañar unha viaxe ao caribe) só teñen que mandar a súa fotografía a StarMedia Fotos e participar neste concurso virtual de beleza sen precedentes.
O premio para os afortunados gañadores consiste nunha viaxe para dúas persoas a Punta Cana (República Dominicana) que inclúe a estadía nun hotel de catro estrelas ou superior, con todo incluído durante tres días e dúas noites. Asemade, cada un dos gañadores (2 en total) recibirá un teléfono móbil con cámara integrada por cortesía de Orange Dominicana.
Ademais de saír no portal de StarMedia, as fotos dos gañadores serán mostradas na páxina web da revista Pasajero durante unha semana, así como os comentarios sobre os seus atributos que previamente tiveron que escribir os participantes para ser merecedores de tal envexable título.
A elección dos vencedores correrá a cargo do equipo de redacción de StarMedia e do produtor de comerciais e videoclips, Pablo Gallardo, os que formarán un xurado que escollerá, de entre tódolos participantes, á moza e ó mozo máis “guapos” e que, á súa vez, escribiran os comentarios máis creativos sobre si mesmos (para que non se diga que a intelixencia non serve para nada nun concurso de beleza).
Os resultados daranse a coñecer ao longo da segunda semana de setembro a través da web de StarMedia, e para reclamar os seus premios, os gañadores deberán presentar unha identificación vixente así como a copia do pasaporte ou documento acreditativo para viaxar á República Dominicana máis non é preciso confirmar que a realidade se corresponde coa imaxe mostrada na fotografía polo que... xoguemos ao “tudo vale”. Sorte!.

PUBLICIDADE