Spotify rexistra beneficios no último trimestre

luns, 28 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A primeiros de ano dende Spotify quixeron deixar claro que non se vían como un servizo musical, senón como un servizo de audio, de aí que fixesen importantes investimentos no mundo do podcasting, que poderían ter xogado un importante papel nos últimos resultados financeiros da compañía, nos que superaron as expectativas e conseguiron un resultado operativo positivo (tras unha boa tempada en perdas), rexistraron un incremento interanual de usuarios activos mensuais do 30% (chegando aos 248 millóns) e un incremento trimestral do 39% no número de horas de podcasts consumidas.
Resulta curioso ver como o podcasting, presente no mercado dende hai moitos anos, estea a converterse nun fenómeno emerxente xusto agora, especialmente en territorios como EE.UU., levando a moitos creadores de contidos a dar o salto ao podcasting como un xeito máis de conectar co público, que ve en Spotify un xeito de reducir a fricción dun formato de distribución sonora que resulta moi cómodo e chega incluso a levar a moitos usuarios a dar o salto do Spotify con publicidade ao Spotify Premium (o que resulta moi rendible para a compañía, xa que polos podcasts non teñen que facer fronte ao pagamento de dereitos de autor como si acontece coa música).
No relativo á música, dende Spotify consideran que están a captar subscritores a unha velocidade maior que Apple Music e Amazon Prime Music, aínda que cómpre salientar que boa parte da captación de usuarios faise a través de plans para estudantes e familias, o que supón uns volumes de ingresos inferiores aos de contas ordinarias.
Finalmente semella que Spotify librarase do que podería ser unha das súas grandes ameazas: a paquetización por parte de Apple. Ao parecer, Apple estivo a negociar a posibilidade de ofrecer un lote de subscricións que incluíse música, videoxogos, contidos audiovisuais e novas, pero atoparon bastante oposición das discográficas, polo que, de momento, Spotify libra de topar cun competidor difícil de superar.

PUBLICIDADE