Spotify prepara a súa aplicación para Apple Watch

venres, 2 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O servizo de streaming musical de referencia en todo o mundo, Spotify, está dispoñible en numerosos dispositivos que van dende equipos informáticos até consolas de videoxogos e altofalantes conectados, aínda que hai unha gama de produtos na que aínda teñen unha presenza tímida que buscan mellorar: a dos smartwatches.
Até o momento para poder gozar de Spotify nun smartwatch tiñamos que ter un reloxo de Garmin, de Samsung ou con Wear OS, quedando fóra o reloxo conectado máis popular, o Apple Watch, situación que está en vías de solución se atendemos ás filtracións que apuntan a unha versión da aplicación de Spotify que xa estarían dispoñible en probas e da que incluso amosan algunhas imaxes.
Polo momento a aplicación sería simplemente un mando a distancia da aplicación de Spotify para o iPhone, de xeito que o usuario podería elixir o tema a reprodución, pausar a reprodución ou saltar unha canción, pero carecería polo momento cunha das prestacións máis esperadas: a posibilidade de funcionar fóra de liña, para así poder escoitar música a través do reloxo sen ter que levar o móbil enriba, como pode facerse xa, por exemplo, co Samsung Galaxy Watch.
Curiosamente esta filtración chega nun momento no que Spotify está a publicar os seus resultados trimestrais, nos que recollen que contan con 87 millóns de subscritores de pagamento e 191 millóns de usuarios activos ao mes. Teriamos así que aproximadamente o número de subscritores do servizo sería o dobre do de Apple Music, constatando a boa acollida que ten esta plataforma pioneira que soubo adaptarse ás necesidades dos usuarios para manterse en cabeza dende o seu espallamento internacional.

PUBLICIDADE