Spotify permite os podcasts de pagamento

mércores, 9 de agosto do 2023 Marcus Fernández

A colaboración entre Spotify e Patreon vén de concretarse e xa é posible escoitar a través de Spotify contido sonoro reservado a subscritores de pagamento, o que resulta especialmente atractivo para podcasteiros, que teñen un xeito máis de achegar material exclusivo aos seareiros que os apoian economicamente.
Normalmente este tipo de subscricións de pagamento a podcasts realízanse a través de fluxos RSS privados, pero esta opción non estaba dispoñible para Spotify, xa que a plataforma non reproduce contidos publicados na Rede, senón que os carga no seu sistema para servirllos aos usuarios a través dos seus propios servidores.
Cómpre salientar que Spotify non leva ningunha comisión das subscricións realizadas a través de Patreon, polo que estamos ante unha solución moi atractiva para os creadores xa afeitos a contar con plataformas de mecenado.

PUBLICIDADE