Spotify dá a coñecer as cancións máis escoitadas de 2009

xoves, 24 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Aínda que tiñamos medo do peor, concretamente atopar a David Bisbal no ranking dos máis escoitados, a listaxe final de seguimentos estrela de Spotify ao longo de 2009 non é o que se di unha escolma ao uso de cancións castiga-orellas. Con todo e malia as moitas apreciacións que se poidan facer da calidade musical da escolma do ano que remata, o realmente salientable da listaxe non é a calidade, senón o feito de que haxa listaxe. Dito doutro xeito, Spotify permite o que até hai ben pouco era impensable: escoitar música pola Rede e sen medo de que os gobernos de calquera índole ou ben as sociedades de xestión de dereitos de autor che poñan na súa listaxe negra.
Tanto é así, que en espazos como alt1040 (de onde tiramos estes datos) xa se cualifica ao servizo como a gran revolución redeira de 2009.
Spotify, que está arestora dispoñible en 6 países, é xa un dos recursos máis empregados da Internet: achega millóns de cancións ao día, gratis e co único requirimento de que lle deamos orellas á publicidade. Con todo, sinálase, malia o éxito acadado é preciso que se lle bote unha man, xa que, segundo se conta dende a industria, non achega os beneficios precisos para manterse e medrar, polo que precisaría de máis apoio da comunidade internauta.
Sexa como sexa, a listaxe do máis escoitado no devandito servizo ao longo do ano 2009 quedaría deste xeito:
1 Black Eyed Peas – “I Gotta Feeling”
2 Flo Rida – “Right Round”
3 Akon & David Guetta – “Sexy Bitch”
4 Lady Gaga – “Poker Face”
5 Beyoncé – “Halo”
6 Kings Of Leon – “Use Somebody”
7 Black Eyed Peas – “Boom Boom Pow”
8 Milow – “Ayo Technology”
9 Kelly Rowland & David Guetta – “When Love Takes Over”
10 MGMT – “Kids”

PUBLICIDADE