Spotify comeza a dobrar podcasts mediante IA

luns, 25 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Nas últimas dúas semanas proliferaron na Rede vídeos que se fixeron virais pola curiosidade de amosar a celebridades falando linguas distintas da súa, ou secuencias de películas cunha dobraxe abraiante, xa que a tecnoloxía de Heygen permite que non só se dobre as persoas a outros idiomas mantendo a súa voz, senón que incluso aplica tecnoloxía de deepfake ás bocas, para que se movan como se estivesen pronunciando as palabras traducidas. Este salto tecnolóxico levou a que moitos chegasen a ver ameazado o futuro do traballo dos actores de dobraxe, e agora chega outra mostra máis desta revolución: Spotify comeza a sobrar podcast mediante IA.
Polo momento estamos ante un programa piloto no que Spotify colaborou con creadores como Dax Shepard, Monica Padman, Lex Fridman, Bill Simmons e Steve Barlett para ofrecer os seus podcasts traducidos ao español e interpretados mediante IA conservando a súa voz, prometendo que en breve estarán tamén dispoñibles en francés e alemán (e podendo chegar a máis linguas máis adiante) como un xeito de achegarse a un público cada vez máis amplo, e derrubando a Torre de Babel.
Esta tecnoloxía non só permite acceder aos contidos sonoros en distintos idiomas, senón que tamén conserva as características distintivas das voces dos narradores orixinais, conseguindo así unha maior conexión co público, o que podemos probar xa cos podcasts Armchair Expert, The Diary of a CEO with Steven Barlett e Lex Fridman Podcast.
Dende Spotify teñen actualmente máis de 100 millóns de oíntes de podcasts, cantidade que medra día tras día, de aí que se entenda que potencien este formato sonoro (especialmente porque non supón unha compensación económica para os artistas, como no caso dos contidos musicais).

PUBLICIDADE