Spotify celebra a futura aplicación da Lei de Mercados Dixitais

mércores, 24 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Baixo a nova lexislación será máis doado contratar subscricións de pagamento en Spotify

Dende Spotify están a dar conta dos cambios que experimentará a súa aplicación móbil a partir do 7 de marzo, cando entrará en vigor a Lei de Mercados Dixitais que prohibe as actuais malas prácticas da App Store, que impón unha comisión do 30% nas compras feitas dentro das aplicacións para iOS e impide que nas propias aplicacións se informe sobre como poder proceder para evitar esas comisións.
Coa aplicación da Lei de Mercados Dixitais na aplicación de Spotify poderán informar de prezos de produtos como as subscricións de pagamento e os audiolibros, facilitarán os cambios entre distintas modalidades de subscrición, permitirán a compra directa de audiolibros e incluso facilitarán a posibilidade de que os creadores poidan descargar dende a súa páxina web as aplicacións Spotify for Artists e Spotify for Podcasters.
A compañía sueca incide no feito de que esta vitoria polo momento limítase ao territorio europeo, polo que aínda terán que loitar para levar medidas semellantes ao resto do mundo.

PUBLICIDADE