Spotify ábrese á reprodución musical de balde dende o móbil

mércores, 11 de decembro do 2013 Marcus Fernández

O servizo de streaming musical de Spotify está a espallarse internacionalmente (hoxe estréase en 20 países, chegando así a un total de 55 mercados), o que aproveitan para revolucionar esta plataforma que destaca pola visibilidade que achega aos músicos de todo o mundo cunha importante cesión no contorno móbil: xa non será preciso ser un usuario de pagamento para poder empregar a aplicación de Spotify en dispositivos con Android ou iPhone.

Spotify pode gozarse agora de balde dende smartphones e tablets

De todos os xeitos, os usuarios que acceden ao servizo de balde continúan a ter limitacións, de xeito que a reprodución musical estará limitada ao modo aleatorio. As aplicacións móbiles de Spotify permiten así levar con nós as listaxes de reprodución que teñamos, crear listaxes novas e compartilas, buscar ao artista do que queiramos escoitar aleatoriamente o seu catálogo, seguir a artistas e amigos e sintonizar Radio Spotify.
Pero non é a única grande nova de Spotify, senón que tamén están orgullosos de poder anunciar que dende hoxe ata o domingo vai incorporar paulatinamente a discografía de Led Zeppelin ao seu catálogo musical, de xeito que os seareiros desta formación poderán gozar da súa música baixo demanda, algo do que só poden gozar en exclusiva os usuarios de Spotify.


Vídeo promocional da apertura de Spotify a dispositivos móbiles

PUBLICIDADE