Sony tomará medidas contra as PlayStation 3 modificadas

mércores, 16 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Sony Computer Entertainment vén de facer unha comunicación oficial sobre a polémica aparición de métodos que evitan as medidas de protección da PlayStation 3 permitindo o uso de xogos non orixinais e de software caseiro, o que aseguran que viola as condicións da licenza do software de sistema da PS3 e os termos de uso da PlayStation Network e Qriocity, polo que aseguran que penalizarán estas prácticas invalidando a garantía das consolas modificadas e bloqueando permanentemente o acceso á PlayStation Network.
Estas medidas xa as tomou no seu día Microsoft coa Xbox 360, pero Sony non se manifestara oficialmente sobre tal asunto, polo que agora instan aos seus usuarios a regularizar a súa situación se queren continuar a acceder aos seus servizos en liña.
Queda así claro que dende Sony xa están a identificar as consolas que están a reproducir software non oficial (non só prexudicial para a industria, senón tamén lesivo para a experiencia de uso do xogo en liña, xa que están a proliferar os xogadores trampóns que modifican os seus xogos para ter vantaxes cando xogan en Rede).

PUBLICIDADE