Sony rexistra as súas primeiras perdas netas en 14 anos

xoves, 14 de maio do 2009 Raquel Noya

O xigante da electrónica xaponés, Sony, vén de rexistrar no ano fiscal 2008-2009, que rematou o pasado 31 de marzo, as súas primeiras perdas netas en 14 anos debido principalmente a dous factores decisivos: a crise mundial (que tamén lle está a afectar aos máis grandes) e á forte apreciación do yen fronte ao dólar e ao euro.
A empresa, que anunciou perdas por valor de mil millóns de dólares, é a primeira vez que rexistra cifras negativas dende o ano fiscal 1994-1995, e prevé recurtar preto de tres mil cincocentos millóns de dólares de gastos para paliar estas perdas.
En total, as vendas en electrónica, piar da empresa, caeron un 17 por cento anual e un 36 por cento entre o pasado xaneiro e marzo de 2009, porén, aínda non foron datos tan negativos como a empresa tiña nas súas previsións nun primeiro momento.
Segundo indicaron os responsables da compañía xaponesa, “aínda que algúns produtos como as televisións de cristal líquido (LCD) vendéronse ben en número de unidades, isto non foi suficiente para compensar a caída pronunciada da venda de videocámaras, cámaras fotográficas e computadoras”.
Outro dos motivos que explican os malos resultados acadados por Sony nos seu último exercicio fiscal, é o “fracaso da consola de videoxogos estrela de Sony, Play Station 3”, da que só vendeu 10 millóns de unidades e non logra ter unha presenza sólida no mercado frente á XBox 360 de Microsoft, e sobre todo á Wii de Nintendo, que vendeu máis de 20 millóns de unidades en todo o mundo.
Ademais do recorte de presuposto para gastos, o xigante xaponés vén de anunciar que suprimirá 16 millóns de empregos en todo o mundo, unha medida que de seguro dará que falar en todos os xornais de economía e que terá repercusións graves na economía mundial.

PUBLICIDADE