Sony presentou na Coruña a plataforma PlayStation Home

venres, 10 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Os avatares de PlayStation Home Beta están moi detallados en aparencia e roupaNo marco do festival Mundos Digitales, Peter Edwards e Dan Hill amosaron o mundo virtual en liña PlayStation Home, que permite aos usuarios da PlayStation Network crear un avatar para moverse polo espazo virtual de Sony, no que parece unha copia descarada de Second Life, e no que Sony ten postas moitas esperanzas, e o propio Edwards declarou hai pouco nunha entrevista que agardaban que «a xente mercará a PlayStation 3 para ter acceso a Home», o que non parece ter moito que ver coa realidade.
Na Coruña os responsables de Home apuntaron que o servizo ten un público cunha idade media de entre 18 e 35 anos, que serve para acceder a un grande número de videoxogos (podendo utilizarse como punto de encontro previo cos amigos para definir as estratexias a seguir nunha partida en liña) e que dende a posta en funcionamento do servizo (obviando que polo momento está en probas, facéndose un lanzamento anticipado para non incumprir unha vez máis os prazos prometidos) recibiron a visita de 7 millóns de usuarios (3 millóns dos mesmos, europeos), o que algúns adiántanse a considerar un grande fracaso, pois significaría que só 1 de cada 3 usuarios da PS3 teríanse interesados en probar Home e a súa taxa de retorno parece ser bastante reducida segundo pode trasladarse dos comentarios de moitos usuarios, que ven de xeito indiferente esta prometedora plataforma.

PUBLICIDADE