Sony podería estar interesada na creación dunha feira de videoxogos en España

martes, 17 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Imaxe da Games Convention de Leipzig en 2006

A participación de Sony na feira de videoxogos E3 este ano foi algo limitada, polo que James Armstrong, conselleiro delegado da división de videoxogos da compañía para o sur de Europa afirmou que están interesados na creación dunha feira de videoxogos en Europa, apostando el persoalmente porque a súa sede sexa en España (en Madrid ou Barcelona).
Armstrong destacou que a falta de voos directos a EE.UU. é un dos principais atrancos para a participación internacional en eventos coma o E3, polo que unha feira semellante no Vello Continente sería moi interesante, asegurando que os meses de maio e xuño (cando se viña celebrando o E3 en anos anteriores) serían as datas máis axeitadas para este tipo de celebración dunha industria que se atopa no seu mellor momento histórico.
O que non entendemos é por qué Armstrong fala dunha feira europea do videoxogo como se non existise a Games Convention, que entre os días 23 e 26 de agosto se celebrará en Leipzig (Alemaña) e que contará con 390 exhibidores. A feira xermana chega así á súa sexta edición, converténdose xa no referente europeo, aínda que o retraso do E3 achegou a ambos eventos no calendario, engadindo o feito de que en setembro se celebra o Tokyo Game Show, polo que a industria dos videoxogos debería presentar case novidades mensuais, polo que dificilmente se poderán ver anuncios realmente importantes de cara ás estreas que chegarán durante o resto do ano, e se poderían limitar a novos trailers dos xogos en preparación.

PUBLICIDADE