Sony e Panasonic aspiran a fabricar discos ópticos de 300 Gb para 2015

luns, 29 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Sony e Panasonic non queren que os Blu-ray sexan os derradeiros discos ópticos gravables

Tras unha dura guerra de formatos entre o Blu-ray e o HD DVD, ao final só quedou no mercado o Blu-ray, pero este formato de discos ópticos non conseguiu o pulo do seu antecesor, o DVD, e máis aló da PlayStation 3 (e as futuras PS4 e Xbox One) o seu uso é bastante minoritario, existindo certa unanimidade en que será o derradeiro soporte físico para vídeo que veremos no mercado, o que non fai que haxa compañías que queiran mirar no futuro, e así Sony e Panasonic anunciaron hoxe que asinaron un acordo para desenvolver unha nova xeración de discos ópticos, iso si, para uso profesional.
Os discos Blu-ray teñen capacidades de 25 e 50 Gb (segundo empreguen 1 ou 2 capas), existindo tamén variantes de ata 100 Gb, pero Sony e Panasonic buscan crear unha evolución destes discos que poida almacenar un mínimo de 300 Gb antes de rematar 2015.
Os fabricantes aseguran que os discos ópticos continúan a ter sentido, pois demostran ter excelentes propiedades para protexelos do contorno, soportando po, auga, humidade... e outras agresións que outros soportes non toleran do mesmo xeito, resultando moi robustos como almacenamentos de contido a medio e longo prazo, que teñen que evolucionar para atender as novas necesidades de almacenamento (especialmente agora que, aparte da alta definición, nos sistema de vídeo están a emerxer formatos de ultra alta definición, que deixan cativo calquera dos soportes actuais).

PUBLICIDADE