Softonic despedirá a preto da metade do seu persoal

mércores, 19 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Para a descarga e recomendación de aplicacións informáticas en España tivemos durante moitos anos como referente a Softonic, compañía en grande crecemento até hai poucos meses, que en 2012 ingresou 52 millóns de euros (o que supuña uns beneficios de 29 millóns) e incluso ampliara as súas instalacións en Barcelona e anunciara o pasado verán que ía contratar a 120 persoas durante 2014 e pretendía cotizar no índice NASDAQ en 2016, pero as previsións non conseguiron manterse e finalmente onte iniciou un período de consultas coa comisión de empregados como par dun proceso de despedimento iniciado en outubro que afectará a 207 traballadores (preto da metade do cadro de persoal).
A compañía asegura que este proceso atende a razóns económicas, produtivas e organizacionais entre as que se inclúen cambios no negocio de descargas de escritorio (o que supuxo un descenso no tráfico e ingresos asociados) e a recente cancelación de importantes contratos con clientes.
A compañía podería ver como no presente ano os seus ingresos caian até os 38 millóns de dólares, o que podería supor uns resultados negativos, e dende a empresa comunican aos medios que un dos motivos para isto é o cambio de algoritmos de Google, que reduciu o peso de Softonic nos resultados, afectando seriamente ao seu tráfico e ao seu negocio principal (a publicidade en liña).
Pero os argumentos de Softonic parecen pouco sólidos, e actualmente continuamos a ver como o posicionamento deste servizo en liña continúa a ser moi bo, de xeito que a situación actual podería ser resultado dunha serie de malas prácticas dos últimos anos, que estragaron a imaxe da compañía e fixeron que os usuarios deixasen de confiar na mesma. Aínda que nun primeiro momento Softonic limitábase a incorporar publicidade bastante molesta que en moitos casos enganaba ao usuario facendo pasar a anuncios por botóns para descargar as aplicacións desexadas, o feito de que case forcen ao uso dunha aplicación propia para a descarga de aplicacións, que intentaba instalar no equipo do usuario barras de navegación e outro software non desexado provocou un grande rexeitamento, e incluso pasou a considerarse como unha fonte de malware, de aí que hoxe non sorprenda que a que era unha das páxinas web máis empregadas a nivel mundial vexa como ten que someterse a un ERE para poder seguir adiante.

PUBLICIDADE