Sobrosoparty abre o prazo de inscrición para participar nos torneos de videoxogos

martes, 15 de marzo do 2011 Raquel Noya

No pasado mes de febreiro, a organización de Sobrosoparty, a festa informática por excelencia de Ponteareas, confirmou a través da súa web a celebración do evento para os días 15, 16 e 17 de abril, unha información que agardaban con impaciencia os internautas de toda Galicia que desexan achegarse un ano máis ata a vila, senón para conectarse á Rede, para participar nos distintos relatorios e torneos de videoxogos que se van celebrar no recinto.
Pois ben, a organización xa vén de adiantar os distintos xogos nos que se poderá competir nesta edición de Sobrosoparty, e entre eles destacan o Counter Strike Source, o Age Of Empires II e o Call of Duty; así como o Guitar Hero, que non podía faltar nun evento de semellantes características.
As bases para participar en cada unha das competicicións atópanse en Sobrosoparty.es, e para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a xogos@sobrosoparty.es co seu nick e coa relación de xogos nos que quere competir.
Asemade, dende Sobrosoparty acaban de facer públicos os concursos que van ter lugar este ano e nos que poderá participar calquera persoa interesada; trátase dun de fotografía dixital, dun para o deseño do logo e dun terceiro de fotocomposición, que debe ter contido relacionado coa party.
No tocante aos obradoiros, a organización vén de confirmar a celebración do curso Introdución os Cartalumes, impartido por un estudante da Universidade de Vigo e tamén un de Creación de Videoxogos, impartido por unha importante empresa galega do sector que os responsables do evento aínda non revelaron.

PUBLICIDADE