Soben as vendas en Internet das nosas empresas

luns, 18 de xaneiro do 2016 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA) vén de dar a coñecer a edición 2015 do seu informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, un estudo que, como o seu propio nome indica, diríxese a avaliar e a amosar o estado de adopción das novas tecnoloxías no noso tecido produtivo. A investigación de OSIMGA salienta, para comezar, que o ano pasado as empresas da nosa terra foron quen de facer medrar as súas vendas en liña, emprazándose por riba da media española. Así, unha de cada cinco firmas de 10 ou máis traballadores con actividade na nosa terra tivo actividade de vendas na Rede, cunha suba de case cinco puntos en relación ao ano anterior. Polo que atinxe ás microempresas, estas amosaron unha suba superior á devandita, con seis puntos máis que en 2014.
No que atinxe a servizos e funcionalidades concretos da Internet, a investigación apunta, como dato salientábel, que tres de cada catro empresas de máis de 10 traballadores e un 34,9% das microempresas galegas empregan a sinatura dixital. As grandes empresas galegas tiran partido desta funcionalidade en maior medida que no conxunto do Estado, mentres que no caso das microempresas sitúanse en valores próximos á media estatal.
En relación ao envío de facturas electrónicas as empresas galegas superan a media estatal, con independencia do seu tamaño. Nas de máis de 10 traballadores, a porcentaxe de empresas galegas que enviaron facturas electrónicas ascendeu ata a 17,9% fronte ao 14,5% da media estatal. No caso das microempresas galegas, a porcentaxe sitúase no 3,9% fronte ao 2,9% da media estatal.
Polo que respecta ao emprego de dispositivos móbiles, este incrementouse “de maneira significativa” no último ano, sobre todo nas empresas máis grandes. “Dúas de cada tres empresas galegas de 10 ou máis traballadores proporcionaron dispositivos portátiles con conexión a Internet para uso empresarial, 11,8 puntos máis que o ano anterior”, sinálase no informe, no que tamén se fai referencia do nivel de implantación dos servizos chamados “da nube”. Así, un 4% das microempresas mercaron este tipo de solucións cloud computing, elevándose a porcentaxe nas empresas máis grandes ata o 17,1%.
As ferramentas ERP para compartir información sobre compras e vendas con outras áreas da empresa; e CRM para a xestión de vendas e información de clientes, están presentes no 44,5% e no 40% das as empresas galegas de máis tamaño, superando a media estatal en ambos casos.
Na investigación tamén se informa de que “a práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores dispón de Internet contratado”. No caso das microempresas, este dato sitúase no 57,9%. No informe de OSIMGA, a respecto do devandito, sinálase “que o acceso á banda larga móbil segue aumentando nas empresas galegas de máis de 10 traballadores, situándose no 79,3% mentres que nas microempresas este indicador está no 60,2%”.
Respecto ás velocidades, o 55,3% das grandes empresas contratan velocidades de 10 Mbps ou superior, fronte ao 44,3% das microempresas. Neste segmento empresarial, o indicador experimentou un aumento de 5 puntos porcentuais no tramo de velocidade superior ou igual a 10 Mbps.
Un 78,1% das empresas de máis de 10 traballadores con actividade en Galicia posúe páxina web, fronte ao 28% das microempresas con conexión a Internet, engádese na investigación, na que tamén se confirma a tendencia á alza no que a uso de redes sociais se refire (Facebook, LinkedIn, Tuenti), blogs de empresa, espazos con contidos multimedia ou outras ferramentas wiki de coñecemento. Deste xeito, explícase, “un 39,6% das empresas de 10 ou máis traballadores con sede ou actividade en Galicia emprega as redes sociais sociais fronte ao 27,3% das microempresas”. Os valores deste indicador para as empresas galegas superan lixeiramente a media estatal.
No informe tamén se sinala que un 91,7% das empresas de 10 e máis asalariados que teñen actividade en Galicia interactuou coas Administracións públicas través de Internet. No caso das microempresas con conexión a Internet, a porcentaxe sitúase no 72,7%, cunha subida de 6,1 puntos porcentuais respecto ao ano anterior, o que as sitúa por riba da media estatal.

PUBLICIDADE