So o 41,9 % dos galegos emprega decote a Rede

luns, 26 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os galegos teñen outras prioridades antes que Internet. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), os cidadáns de Galiza son os terceiros de todo o estado español que menos navegan na Rede, empregada por un 41,9% da poboación (seis puntos por baixo da media), que pertence sobre todo ás cidades. O estudo do INE (pdf), que tamén sinala que nisto de estar fóra de liña so somos superados polos estremeños (34,5%) e máis os manchegos (coa taxa do 40%), non se detén nas causas do problema, pero semella que unha das grandes razóns é o menor poder adquisitivo dos galegos con respecto á poboación doutras comunidades como Madrid (58%) ou Cataluña, co 53,2% (non é casual que comportamos os postos baixos do ranking cos estremeños, manchegos e andaluces). Dito doutro xeito: se temos que renunciar a certos gastos para poder chegar a fin de mes, o acceso a Internet terá moitas posibilidades de figurar entre a listaxe de renuncias (sobre todo tendo en conta que tampouco os prezos das empresas que subministran conexión son particularmente económicos, sempre que teñamos a “sorte” de que haxa a infraestrutura requirida para acceder a Internet).
O INE completa o seu informe con datos sobre o usuario medio das ferramentas da Sociedade da Información: home novo (o 87% da xente que se conecta en España ten unha idade comprendida entre os 16 e os 24 anos) e estudante ou con educación superior (máis do 93%).

PUBLICIDADE