Só o 30% dos concellos da provincia de Ourense contan con web oficial

martes, 5 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

A Voz vén de publicar na súa web unha interesante información sobre a porcentaxe de concellos ourensáns que terían páxina web propia: o 30%. A taxa, baixa até niveis certamente alarmantes, é aínda máis preocupante (se é posible) se temos en conta que moitas das páxinas webs existentes, e non só da provincia de Ourense senón tamén das outras tres galegas, son cen por cen inútiles para a cidadanía, e fican na Rede (ocupando sitio) unicamente –digámolo ben claro- polo mero feito de figurar.
Así que a nosa pregunta é: resulta máis positivo aparecer na Rede aínda que sexa cunha páxina invisitable e inaccesible ou non aparecer de ningún xeito? Segundo datos achegados pola Voz, as primeiras webs de concellos ourensáns comezaron a aparecer en 1996, “como un método para facer máis visibles aspectos das localidades”.
Dende aquela até o día de hoxe, o 70% dos gobernos locais aínda non teñen presenza oficial na Rede, a meirande parte das veces por non teren os recursos económicos mínimos ou ben por non contar con persoal con formación en novas tecnoloxías ou ben por non ter rexistrado demanda entre a poboación deste tipo de servizos (estes factores non adoitan a aparecer soos).
Amais, tampouco se pode deixar de lado outro factor: os problemas de acceso á Rede que teñen amplas zonas do noso territorio, sobre todo os espazos rurais, onde de pouco serve que se habilite unha páxina web se logo a poboación apenas ten xeito inmediato de acceder. A Voz conclúe o artigo indicando que a maior parte das webs están agora en proceso de reforma, “e entre os cambios programados a interactividade perfílase como un dos elementos máis importantes a potenciar”.

PUBLICIDADE