Smartiago converterá a Compostela en referente local de compra pública innovadora

venres, 27 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Santiago quere ser unha cidade moderna e que as tecnoloxías postas en xogo para conseguilo axuden, tamén, a potenciar a súa identidade e contribuír á conservación do seu importante patrimonio histórico e cultural. Este é un dos alicerces nos que se se sustenta o proxecto Smartiago, que ten a súa orixe nas anteriores lexislaturas e que hoxe colleu novos azos coa xuntanza da oficina técnica do proxecto e co anuncio de detalles concretos sobre as vantaxes que vai poñer en xogo en materia de xestión de refugallos, mobilidade sustentábel ou iluminación intelixente (os seus tres piares fundamentais).
Tamén se fixo saber que Smartiago captou 6.180.000 euros (dos que un 80% serán aportados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional – FEDER). A iniciativa, sinalou na xuntanza o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, “porá a Santiago na vangarda en materia de compra pública innovadora”. O rexedor salientou a oportunidade que pon en xogo esta iniciativa ao coincidir a súa posta en marcha co remate das concesións dos servizos de recollida do lixo, transporte público e alumeado. Deste xeito, “a preparación dos pregos destes servizos e as innovacións que se formulen dende o proxecto estarán sincronizadas para que estas queden incorporadas”, explicou.
Bugallo tamén fixo saber que que dos máis de 6 millóns de investimento a xustificar antes do 2023, existe unha primeira fase, por importe de 2,1 millóns de euros, cuxas accións terían que estar executadas antes de que remate o ano.
O programa Smartiago, tal como explicou o xefe do Departamento Municipal de Informática, Jesús Rodríguez, ten tres liñas estratéxicas: a xestión sustentábel e intelixente dos residuos sólidos urbanos, a mobilidade intelixente e sustentable e o alumeado ornamental smart para a conservación do patrimonio. Segundo anunciou, iniciarase en breve a fase de consultas públicas ás empresas e á cidadanía para “a identificación de novas alternativas tecnolóxicas”. A idea, dixo, é que ao longo de 2020 se dean pasos importantes na licitación da compra pública de innovación nos tres devanditos ámbitos estratéxicos. “Cara a finais de 2022 culminaríase a fase de desenvolvemento destas tecnoloxías innovadoras con mecanismos de compra pública innovadora”, engadiu.
Segundo explicaron os responsábeis das dúas empresas integradas na UTE que levará a oficina técnica (SILO e Red2Red), “o Concello de Santiago está a ser pioneiro a nivel municipal en contratación pública con este modelo innovador”, avanzando para converterse en “referente”, pola dimensión do proxecto, por definir un novo modelo de servizos públicos baixo a óptica dunha cidade patrimonio e polo nivel de captación de fondos europeos. “O Smartiago”, engadiron, “converterá o Concello nun polo de innovación, co que iso implicará na xeración de emprego, na redución de custos e na sustentabilidade como factor de competitividade”.

PUBLICIDADE