SmartPEME preséntase o 22 de novembro en Vilagarcía de Arousa

martes, 15 de novembro do 2016 Redacción

Como xa comentamos dende Código Cero, a Deputación de Pontevedra achega a ferramenta SmartPEME para pequenas e medianas empresas co obxectivo de informalas e asesoralas sobre a aplicación das novas tecnoloxías (TIC) nos seus negocios. Nesta nova damos conta de que SmartPEME vaise presentar en Vilagarcía de Arousa o 22 de novembro, data na que o recinto FEXDEGA acollerá unha xornada para presentar esta iniciativa e ofrecer asesoramento personalizado aos empresarios.
SmartPEME resulta de gran utilidade para os pequenos empresarios que non dispoñen de asistencias técnicas para tirar proveito das TIC. Esta nova ferramenta pode axudar ao empresario a escoller o marketplace máis axeitado para o seu negocio. Como se trata dun servizo pensado para axudar a autónomos, emprendedores e PEME dun xeito personalizado, resolverá de xeito individual as dúbidas sobre o uso das TIC que se lle propoñan a cada participante. Tamén de maneira personalizada se lles aconsellarán as ferramentas axeitadas para mellorar a produtividade en cada caso concreto e os participantes recibirán acompañamento especializado durante o proceso de introdución do comercio electrónico.
A xornada desenvolverase en sesións de mañá e tarde o martes, 22 de novembro, no seminario do recinto da Maroma, no que se levará a cabo a presentación da carteira de servizos SmartPEME, para o cal intervirán José Antonio Piñeiro Sineiro (responsábel da rede SmartPEME) e José Luís Taboada Fernández (asesor TIC). O resto da xornada adicarase á celebración das xuntanzas individuais dos técnicos cos empresarios, autónomos e emprendedores interesados.
Os interesados en asistir deberán solicitar cita previa para organizar estas consultas, e deberán inscribirse a través da web habilitada, smartpeme.depo.es, ou do teléfono 886 202 020.

PUBLICIDADE