SmartPEME pecha curso con catro novos obradoiros tecnolóxicos

luns, 10 de xullo do 2023 S. P.

O programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da Deputación de Pontevedra pecha esta semana o curso 2022/2023 e faino con catro novas accións formativas. Estas actividades, impartidas de xeito telemático, centraranse en ciberseguridade nos dispositivos móbiles, na creación dun plan de mercadotecnia dixital, no uso de LinkedIn de maneira empresarial e na fabricación dixital a través de Onshape. Os cursos e actividades formativas de SmartPEME retomaranse en setembro.
O luns 10 ás 10 horas celebrarase o primeiro dos obradoiros, titulado Ciberseguridade, dispositivos móbiles. Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de poñer en valor a importancia de protexer os dispositivos móbiles dada a relevancia que cobran na xestión dos negocios.
O martes 11 ás 11 horas dará comezo o taller de Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VIII – Proxecto final II. Esta actividade enmárcase nun itinerario formativo que remata nesta mesma xornada cunha parte teórica online e unha parte presencial con prácticas no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Aquelas persoas que estiveron a participar no programa recibiron formación teórica en debuxo 3D con Onshape (16h), impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina e escáner 3D (2h), así como prácticas centradas no uso de impresoras 3D filamento (8 h), impresoras 3D resina (8 h) e escaneo 3D (4 h). Manuel Freire será novamente o docente encargado de impartir a formación.
O mércores 12, ás 12.00 h, desenvolverase unha acción formativa telemática centrada en Como usar LinkedIn para empresas e profesionais. Nela aprenderase a crear un perfil profesional e unha páxina de empresa optimizada, así como a potenciar unha marca na rede profesional, dende a introdución ata a promoción de produtos ou servizos. Este taller será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Comunicación Corporativa.
O xoves 13, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, conducirá o taller O teu plan de márketing dixital, paso a paso”, onde explicará ás persoas asistentes en que consiste un plan de mercadotecnia a través das novas ferramentas de comunicación, os seus beneficios e como crealo paso a paso para evitar o fracaso dunha campaña dixital.

PUBLICIDADE