SmartPEME ofrece esta semana tres novos obradoiros TIC para empresas e autónomos

luns, 9 de outubro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas online enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Nestes talleres continuarase cos ciclos de ciberseguridade e proporcionaranse ferramentas para crear unha tenda online e as claves para impulsar un mellor posicionamento web con Google Search Console.
A semana comezará co obradoiro de Ciberseguridade, ramsonware e suplantación de Identidade, previsto para este luns 9 de outubro entre as 10:30 e as 11:30 horas.
No curso darase a coñecer o ransomware, en que consiste e como nos pode afectar, co obxectivo de proporcionar as ferramentas para protexernos. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, será o encargado de impartir a formación.
O martes 10 celebrarase o obradoiro Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña de 12:00 a 13:00 horas. O taller telemático afondará na situación actual do comercio electrónico para establecer os primeiros pasos para poñer en marcha unha tenda en liña, así como as plataformas precisas para creala. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas cunha ampla experiencia asesorando empresas no ámbito da comunicación e máis da mercadotecnia dixital, será a encargada de impartir a formación.
O mércores 11 celebrarase a acción telemática Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console de 17:00 a 18:00 horas. A través desta formación, impartida por María Aller, experta en mercadotecnia dixital e comercio electrónico, ensinarase a persoas autónomas, empresarios e emprendedores a optimizar a súa páxina e escalar posicións nos motores de busca.

PUBLICIDADE