SmartPEME ofrece cinco novos obradoiros TIC no punto de inflexión entre xaneiro e febreiro

luns, 30 de xaneiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana (últimos días de xaneiro, primeiros de febreiro) cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros para asesoramento tecnolóxico a persoas emprendedoras e pemes. Tratarán sobre ciberseguridade, tecnoloxía cadea de bloques (blockchain) e metaverso, os selos e certificacións en sustentabilidade turística ou a captación de clientes a través de estratexias de comunicación e visibilidade.
O primeiro curso da semana será este luns 30, ás 10.00 horas, e estará impartido de xeito telemático por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, Ciberseguridade, antivirus e actualización do software. O obxectivo do curso é dar a coñecer dous das contramedidas básicas a realizar, a necesidade de ter o software actualizado para corrixir vulnerabilidades e a utilización e elección dun antivirus.
O martes 31 celebraranse dous cursos. Na mañá (11h), Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, conducirá tamén de xeito telemático Sustentabilidade turística: selos e certificacións. A acción amosará como os sistemas de xestión da sustentabilidade para empresas e destinos turísticos, son unha axuda para orientar ás entidades para establecer criterios de xestión sostible e unha ferramenta para acreditar o seu compromiso. A adhesión e o traballo nestes sistemas adoita reflectirse na obtención de certificacións ou selos que avalan o esforzo realizado nesta materia, para a diferenciación e poder comunicar o seu recoñecemento a persoas visitantes e axentes implicados.
Pola tarde, ás 17 horas, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e cunha ampla experiencia na asesoría de empresas no ámbito da comunicación e o mercadotecnia dixital, impartirá de forma telemática o curso Deseña a túa páxina web de maneira sinxela con Elementor, e afondará neste construtor gratuíto de páxina de WordPress, na súa instalación, configuración e o traballo para crear unha páxina web.
O xoves tamén haberá dobre sesión. En horario de mañá (11h), de xeito telemático, Manuel Freire guiará a acción Blockchain, metaverso, que achegará ás persoas participantes esta tecnoloxía e como grazas a ela estamos ante o que se chama o internet do valor; unha forma de transmitir valor a través da rede. Tamén afondará no tema do metaverso, incidindo en para que vai servir, o seu estado actual de desenvolvemento e na visita a algún dos metaversos.
Pola tarde, ás 17.30h, Isabel Rodríguez, consultora e adestradora empresarial ofrecerá a acción, Captación de clientes a través de estratexias de comunicación e visibilidade, e farao de xeito presencial na sede da Deputación en Vigo. Amosará o papel da comunicación como base de toda estratexia, e a comunicación efectiva a metodoloxía que logra de forma eficiente cerrar ventas, facendo rendíbeis os obxectivos de visibilidade e captación de clientes. Os contidos inclúen nocións sobre atención plena, observación e escoita activa; comunicación asertiva para un entendemento efectivo, as estratexias de visibilidade grazas á mellora da comunicación e a visibilidade máis alá das redes sociais.

PUBLICIDADE