SmartPEME esperta o interese da República Dominicana
mércores, 24 de xullo do 2019
SmartPEME,
o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e
autónomos da Deputación de Pontevedra, está a espertar interese no
plano internacional. Esta
mesma semana, unha delegación da República Domicana puido coñecer
de primeira man a devandita rede de formación TIC (con presenza
en Porriño,
Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro),
os proxectos de emprendemento da Deputación e máis a Escola de
Cantería.
A
delegación atópase estes días na nosa terra para impulsar liñas
de colaboración. A presidenta da entidade provincial, Carmela
Silva, recibiu ao viceministro de Fomento ás Mipymes, Ignacio Méndez
Fernández, ao cónsul en Galicia da República Dominicana, Emilio
Vicente Pérez, e a tres técnicos do Ministerio de Industria no
marco dun proxecto impulsado pola Agencia Española de Cooperación
Internacional para o Desenvolvemento (AECID) relacionado coa
formación.
A
presidenta explicou aos representantes dominicanos os proxectos
relacionados co emprendemento e novas tecnoloxías que lidera a
Deputación de Pontevedra. Neste eido, Silva falou de DepoEmprende na
Escola, na ESO e na FP, dos viveiros de empresas e dos espazos de
traballo colaborativo (coworking). Tamén se detivo a explicar
o proxecto SmartPEME, que está a formar ás persoas autónomas e
pequenas empresas no eido das novas tecnoloxías prestando ademais
asesoramentos individualizados de balde.
O
viceministro Ignacio Méndez amosouse moi interesado no ámbito do
emprendemento, en concreto no relativo ao traballo que está a facer
a Deputación dende o ámbito local para impulsar a cultura
emprendedora. “Na República Dominicana o 99% das empresas que
temos son pequenas e medianas empresas”, explicou Méndez,
lembrando “a necesidade de apostar polas novas tecnoloxías”, a
propósito do seu achegamento á rede SmartPEME: “Na República
Dominicana soamente un 3% das pequenas e medianas empresas empregan a
web por iso temos moitos retos, moitas ganas de aprender e por iso
nos parece moi interesante o proxecto SmartPEME".
Datos
sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME
é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das
PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e
eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada
novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións
empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O
devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra,
Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes
actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis
de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de
networking trimestrais coa participación de profesionais de
prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas
institucionais, especialización sectorial dos asesores en función
das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en
novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das
necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén,
impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.