SmartPEME enfía a recta final de xaneiro con cinco novos obradoiros en liña

martes, 25 de xaneiro do 2022 S. P.


A Deputación de Pontevedra, a través da iniciativa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, especialmente encamiñadas a dixitalizar o día da a día de profesionais, persoas autónomas e pemes. As accións tratarán temas como as novas estratexias de mercadotecnia que poñen en xogo os novos servizos de comunicación (inbound marketing, ou sexa, metodoloxías para atraer aos consumidores de xeito voluntario á nosa empresa), as contramedidas de ciberseguridade das que podemos botar man ou a creación e optimización de webs.
Os obradoiros desenvolveranse entre este martes 25 e o xoves 27. Na primeira xornada, o deseñador gráfico Guillermo Nass impartirá ás 12 horas o curso Guía para crear e optimizar a túa páxina web, unha guía básica para comezar calquera proxecto en liña.
O mércores 26 celebraranse outros dous cursos, o primeiro ás 12 horas titulado Ciberseguridade, contramedidas básicas 2021 II, da man de Manuel Freire, experto universitario en robótica para explicar os posíbeis riscos de Internet e as contramedidas que nos axudarán a estar máis protexidos na Rede. E o segundo, ás 18 horas, abordará a Introdución ao inbound márketing I, a metodoloxía non intrusiva, baseada en técnicas da mercadotecnia e a publicidade dixital, que ten como obxectivo comunicarse cunha persoa usuaria desde que coñece unha marca ata a venda final. Ofrecerá este obradoiro Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual.
Para o xoves 27 están programados Planifica os propósitos de 2022: mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións, ás 12 horas, que tratará o teletraballo e a produtividade e será impartido por Fátima Faílde, posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas; e Infografías, representa a información de maneira visual (18 horas), no que a deseñadora gráfica Laura Taboada amosará ás persoas participantes os tipos de infografías e as súas vantaxes para os negocios, así como tamén como crealas.

PUBLICIDADE