SmartPEME comeza maio con cinco novos obradoiros TIC

martes, 3 de maio do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta primeira semana de maio cinco novas accións formativas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e traballadoras en xeral. As accións tratarán temas como a introdución á fabricación dixital e o debuxo 3D, cultura sustentábel e responsabilidade social, representación de información a través de infografías e fundamentos básicos do packaging.
O martes 3 e o xoves 5 de maio pola mañá, Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión impartirá dous obradoiros sobre fabricación dixital. Nestes cursos en formato mixto, combinaranse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro, co obxectivo de que o alumno teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D. O primeiro, será de Fabricación Dixital. Introdución á fabricación dixital, unha actividade práctica para coñecermos e familiarizarnos coas ferramentas implicadas nun proceso de produción dixital. O segundo, Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape I – Partstudio I, centrarase na utilización deste software de debuxo 3D. Na quenda de tarde, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas explicará os 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel), unha chamada á acción de persoas, institucións e PEMES e a súa responsabilidade cara un desenvolvemento en favor da sociedade, o planeta e a prosperidade, no curso Impulsa a cultura sostible e a responsabilidade social no teu negocio II.
O mércores SmartPEME ofrecerá un novo obradoiro: Infografías: representa a información de maneira visual con Lara Taboada, titulada en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, no que amosará como se representan a información e os datos de forma visual mediante infografías.
O xoves pola tarde, Fátima Faílde voltará para ensinar os fundamentos básicos do packaging como un elemento primordial na estratexia da venta en liña e os primeiros pasos para preparar un pedido, no curso Packaging, todo o que necesitas saber para o teu e-commerce.

PUBLICIDADE