SmartPEME capacitou en tecnoloxías a 2.400 profesionais en 2018

mércores, 23 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra vén de facer balance da actividade xerada polas súas iniciativas TIC para os concellos e as empresas. Os datos foron dados a coñecer pola presidenta da institución, Carmela Silva, quen fixo un percorrido pola natureza e obxectivos de “dúas iniciativas vangardistas impulsadas pola Deputación”, a disposición das administracións locais, como son o servizo de asistencia en materia de protección de datos e o xeoportal IDEPO, a Infraestrutura de Datos Espaciais da Provincia de Pontevedra. Segundo dixo, ámbalas iniciativas acadaron dende a súa posta en marcha “resultados moi positivos”. Tamén tivo palabras para enxalzar o labor de SmartPEME, que en 2018 deu servizo de capacitación dixital a 2.400 profesionais.
Silva explicou que o servizo de protección de datos para entidades locais é un servizo pioneiro na nosa terra e ten como finalidade axudar aos concellos de menos de 50.000 habitantes na implantación das medidas necesarias para adecuarse ao Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea e da Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais. En concreto, tal e como informou a presidenta provincial, “vaille facilitar ás entidades adheridas a elaboración do rexistro de tratamentos de datos de carácter persoal, a revisión da licitude dos tratamentos e das bases xurídicas que o sustenten, así como analizar os riscos dos tratamentos e avaliacións de impacto na privacidade”.
Por outra banda, a nova Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) salienta polo impulso que pon en xogo en materia de goberno e transparencia. A ferramenta, que integra nunha única base de datos toda a información xeográfica que dispón a administración local mediante o xeoportal web IDEPO, fornece dunha área pública e dunha área privada, que é á que se teñen que adherir as entidades locais para ter acceso. Carmela Silva enxalzou “a utilidade da área privada para os concellos”, ao proporcionarlles “información propia das súas infraestruturas, así como a xeración automática dos informes dos bens municipais ou unidades de servizos prestados a partir dos datos almacenados na plataforma”.
Silva tamén fixo balance do acadado a través do programa SmartPEME (a rede de formación e adestramento TIC para autónomos, profesionais e empresas da provincia), do servizo de eAdministración para os concellos, do padrón municipal e do servizo de impresión e dixitalización para entidades locais. No que respecta a SmartPEME, a presidenta destacou que “o proxecto deu un xiro espectacular dende que comezou a lexislatura”, significándose como unha gran aposta pola igualdade, xa que mostra “unha paridade total entre o persoal asesor do proxecto”. Tamén salientou que en 2018, preto de 2.400 profesionais participaron nas actividades semanais de capacitación, un 3% máis que o ano anterior, e máis de 1.700 PEME e persoas autónomas e emprendedoras participaron no servizo de asesoramento, un 15 % máis con respecto ao ano anterior. Ao abeiro deste programa, Silva salientou o lanzamento da primeira aceleradora TurisTIC e anunciou a celebración da segunda xornada TurisTIC de Pontevedra, que se desenvolverá entre marzo e abril.

PUBLICIDADE