SmartPEME afronta a recta final de maio con cinco novos obradoiros TIC

luns, 22 de maio do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana (do 22 ao 26 de maio) cinco novas accións formativas, enmarcadas na súa carteira de obradoiros e encamiñadas á transformación dixital das pemes e persoas autónomas da provincia. As accións tratarán temas como o ramsonware e a suplantación de identidade en ciberseguridade, o debuxo 3D con Onshape III - PartStudio III, a fabricación dixital a través de Laminador Cura I, as obrigas fiscais dun establecemento comercial ou o aproveitamento do Instagram nas vivendas turísticas.
Este luns 22 de maio, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso Ciberseguridade, ramsonware e suplantación de identidade. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer o ransomware, en que consiste e como afecta, así como presentar as múltiples formas de suplantación de identidade e como protexernos das mesmas.
Este martes 23, ás 11 horas, está programado o obradoiro Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape III – Partstudio III, onde o público asistente verase implicado no proceso de fabricación dixital dun xeito teórico e práctico da man de Manuel Freire, co gallo de ser capaz de deseñar unha peza en 3D.
O mércores 24, na quenda de mañá, Paz Ares, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, impartirá o obradoiros Obrigas fiscais dun establecemento comercial no que afondará no sistema tributario español, os tributos, o seu funcionamento e a súa xestión dende a perspectiva dun establecemento comercial. Na quenda da tarde, Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, impartirá o taller Como sacarlle partido ao Instagram da miña vivenda turística, a través do cal se proporcionarán os coñecementos precisos para chegar a máis clientes a través desta rede social.
Finalmente o xoves 25 de maio impartirase o obradoiro Fabricación dixital. Laminador cura I, onde Manuel Freire continuará achegando formación mixta para lograr o deseño dunha peza en 3D.

PUBLICIDADE