SmartPEME achega cinco novas accións formativas no punto de inflexión entre febreiro e marzo

luns, 27 de febreiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta cinco novas formacións para esta semana enmarcadas na carteira de obradoiros para persoas autónomas, pequenas e medianas empresas, profesionais e cidadanía en xeral. As accións formativas, catro delas online e unha presencial na sede de Vigo, tratarán temas como a ciberseguridade e o malware, o vídeo-marketing, as estratexias de mercadotecnia para empresas turísticas, a creación de webs con WordPress e as tendencias de economía dixital.
Os obradoiros en liña darán comezo este luns 27 pola mañá, o obxectivo deste primeiro curso, Ciberseguridade que é o malware, é o de dar a coñecer que tipos de infeccións tecnolóxicas empregan os ciberdelincuentes ou como podemos saber se os nosos dispositivos están infectados. A formación estará impartida por Manuel Freire, experto en Robótica, Programación e Impresión 3D. Nesa mesma xornada, pero pola tarde, celebrarase o obradoiro Vídeo Márketing II-Animacións e GIF feitas con fotografía de produto, guiado pola titulada superior en Ensinos Artísticos e de Deseño, Lara Taboada, no que se amosará, segundo avanza a relatora, “a importancia do contido audiovisual para redes sociais, polo seu dinamismo, facilidade de visualización, viralidade e como alternativa perfecta para comezar a traballar de maneira activa e profesional nos perfís”.
O martes 28 tamén haberá dúas accións formativas online. Pola mañá a postgraduada en Turismo, Patricia Cabaleiro, impartirá Estratexias sinxelas de Márketing para empresas turísticas, no que se ensinará a aplicar algunhas técnicas básicas de mercadotecnia a través dos medios dixitais. Pola tarde, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, amosará con Crea unha páxina profesional con WordPress I todas as posibilidades que ofrece este CMS, ensinando os pasos para crear un sitio web, aspectos relacionados co deseño e o desenvolvemento e xestión da páxina para conseguir un sitio profesional e optimizado.
O peche a esta semana de formacións será este xoves 2 de marzo, ás 11 da mañá na sede da Deputación en Vigo con Tendencias de Economía Dixital 2023 da man de Manuel Freire. Trátase dunha actividade na que se darán a coñecer as principais tecnoloxías emerxentes para este ano como a creación de imaxes e textos con algoritmos e Intelixencia Artificial. As persoas que participen na acción formativa terán a oportunidade de aproximarse á realidade virtual empregando as aplicacións e experiencias inmersivas que habitualmente se levan a cabo no FabLab de Barro.

PUBLICIDADE