SmartPEME achega as tecnoloxías de produtividade e promoción ás empresas de Pontevedra e Cambados

martes, 29 de novembro do 2016 Redacción

O programa SmartPEME, o proxecto da Deputación de Pontevedra para facer fronte común activa cos concellos a prol da formación TIC para os profesionais e empresas da provincia, segue adiante e sen baixar o nivel de actividade, máis ben o contrario. Segundo informou onte entidade que preside Carmela Silva, SmartPEME prepara para todo o mes de decembro unha moi interesante serie de obradoiros para as súas sedes de Pontevedra e Cambados. Haberá achegamos a WordPress, ás vantaxes da nube privada ou ás metodoloxías para termos éxito no buscador Google. Como lembraremos, SmartPEME é unha iniciativa para achegar o ámbito das TIC aos emprendedores e ás PEME da provincia. Fornécense servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorías. A páxina web é smartpeme.depo.es.
Volvendo aos cursos a desenvolver en decembro en Cambados e Pontevedra, sinalar que no caso da cidade do Lérez terán lugar no Edificio Administrativo da Deputación. As quendas, todas elas en horario de 19:00 horas, son as seguintes: o venres 2 de decembro, A túa páxina web con WordPress (continuación). O xoves 15, Crea unha nube de información privada para a túa empresa e, por último, o martes 20 Como facer unha campaña de éxito de publicidade en Google?. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n.
En Cambados os obradoiros realizaranse no Centro ExpoSalnés, tamén en horario de 19:00 horas: o venres 2 de decembro, Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións. O martes 13 impartirase Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite e, por último, o luns 19 de decembro, Facebook Ads. A oficina de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada.
Un novo modelo de servizo
Segundo fai saber a Deputación, SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas emrpesas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Para isto, nas oficinas de SmartPEME no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE