Skype pecha varias das súas oficinas europeas

venres, 1 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O diario francés Les Echos publicou que Skype pechaba a súas sedes europeas tralo mal funcionamento do servizo SkypeOut no Vello Continente pois, aínda que o número de usuarios de Skype medra cada día (actualmente está en 191 millóns), empregar o sistema para realizar chamadas telefónicas non parece ser o seu principal atractivo (especialmente ó ter en conta as súas tarifas, pois as chamadas a móbiles en España saen a 25,3 céntimos/minuto e os prezos en telefonía fixa apenas se diferencian ós das operadoras tradicionais).
Os responsables da compañía afirman que os peches das oficinas europeas estaban programados dende finais do pasado ano, e non responderían a motivos financeiros, senón que estarían producidas por un cambio de estratexia na que “Europa pode ser vista máis que nunca coma un único mercado” polo que teñen que modificar o seu xeito de operar no mercado europeo, que consideran “extremadamente importante”.
Dende Skype afirman non estar botando o peche en Europa, senón que estarían centralizando as súas bases de operacións en Tallín e Londres, de aí que deixen de funcionar as oficinas en Alemaña, España, Italia, Polonia e outros países escandinavos.

PUBLICIDADE