Skype estrea versións para Windows e iPhone

xoves, 2 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Tras o lanzamento do Skype 3.0 para Windows Mobile chegan agora tamén as versións da aplicación de mensaxería instantánea e VoIP para o iPhone e para Windows. A aplicación de escritorio do Skype chega así á súa versión 4.1, e aparte de certas depuracións deste programa para Windows, incorpora melloras de calidade na transmisión de audio e vídeo, recordatorios de aniversarios e compartición de pantalla (característica idea para amosar novas creacións ou a realización de presentacións remotas).
O Skype 1.1 para o iPhone e iPod Touch engadiu o soporte de idiomas adicionais (entre os que está o español e o portugués nas súas variedades portuguesa e brasileira), acceso á caixa de voz de Skype, o envío de SMS a nivel internacional (con prezos de 13,3 céntimos/mensaxe en España, 10,3 céntimos/mensaxe a EE.UU. ou 9 céntimos/mensaxe en Venezuela, Uruguai, Paraguai, Panamá, Honduras e Marrocos). Para a súa instalación é preciso contar co iPhone OS 2.2 ou superior.

PUBLICIDADE