Skype cumpre cinco anos

martes, 2 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Manter viva unha empresa durante cinco anos non é igual nun sector ca noutro. Entre as que o teñen máis cru, sen dúbida se sitúan as compañías do eido tecnolóxico. Na súa contra teñen un obstáculo que non é un obstáculo calquera: o tempo acelerado. En certa medida, o panorama da produción mundial de servizos e ferramentas TICs é coma un parte meteorolóxico convulso. Perante a pregunta de que tempo vai facer maña, a persoa que achega previsións pódese encoller de ombreiros e pouco máis. Toda esta enleada vén a conto para darlle os parabéns a unha empresa que temos en certa estima e que foi quen de superar inclemencias climáticas ao longo de cinco anos. Falamos de Skype, a iniciativa que puxo de moda o de falar de balde a través da Rede (contribuíndo a manter en contacto coas súas familias e amizadas a unha chea de emigrantes lonxe da súa terra) e que foi posta en marcha o 31 de agosto de 2003 por Niklas Zennström e Janus Friis coa intención de achegar alternativas á comunicación telefónica tradicional.
A ferramenta, que para algúns foi quen de revolucionar o emprego de Internet e das comunicacións en xeral (máis baratas e máis accesibles grazas a Skype, entre outros servizos), foi mercada por eBay en setembro de 2005 por 2.100 millóns de euros, no cumio da súa sona, para logo comezar unha etapa de certo estancamento que, malia todo, non propiciou a súa desaparición. O certo é que a web sigue viva (falar de cinco anos na Rede é como falar da vida enteira dunha persoa) e a día de hoxe pode presumir de ter acadado a nivel mundial unha cifra nada desprezable de usuarios: 350 millóns.

PUBLICIDADE