Skype abre a todo o mundo a súa versión web

luns, 15 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A plataforma de chat, chamadas e videoconferencias de Microsoft, Skype, quere facerse cada vez máis accesible, de aí que hoxe anuncien que a súa versión web, en probas dende hai meses, dea un importante paso adiante, e confirme a súa dispoñibilidade global en numerosas linguas (entre as que non faltan o portugués e o español), o que é unha boa nova especialmente para usuarios de Chromebooks e Linux, que teñen así unha fiestra aberta a esta solución de comunicacións instantáneas.
Agora chega con visitar web.skype.com para poder establecer comunicación con outros usuarios de Skype, aínda que é preciso instalar un plugin se queremos que tal aplicación web incorpore as funcionalidades multimedia (en caso contrario limitarase a conversas de texto). Esta ferramenta busca permitir que usuarios que habitualmente empregan Skype nos seus dispositivos poidan gozar de Skype cando se sentan fronte a un equipo que non teña Skype instalado (por exemplo, un ordenador de uso público) podendo así tirar proveito igualmente das conversas en pantalla grande.
A versión web de Skype é compatible con Internet Explorer, Chrome, Safari e Firefox.

PUBLICIDADE