Sketch Arm actualízase para festexar o seu éxito de descargas

luns, 18 de maio do 2015 Redacción

En xaneiro de 2013 vía a luz a aplicación Sketch Arm, desenvolvida por investigadores do Grupo SIG de Informática Gráfica e Multimedia da Universidade de Vigo e Redegal, coa que calquera que o quixer podía levar a cabo un deseño do seu propio armario. Logo destes dous anos e medio da creación, Sketch Arm supera xa as 100.000 descargas de balde e os seus creadores celébrano sacando unha versión 2.0 da existente, que era para o sistema operativo iOS, de Apple, e abrindo o seu uso tamén ao sistema operativo Android.
Segundo explica Celso Campos, docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e líder do proxecto, a aplicación é froito de catro anos de traballo no seu desenvolvemento, dende que xurdiu a idea a raíz das necesidades dunha empresa local neste senso até a súa última actualización, e nela traballaron os enxeñeiros informáticos Rubén Viso, Iván Rodríguez e Jorge Nelson Acosta. A aplicación achégalle ao seu usuario final unha ferramenta doada e intuitiva para deseñar o interior e o exterior dos seus armarios empotrados e a medida. Deste xeito, calquera persoa, sen necesidade de coñecementos informáticos, pode transformar en poucos pasos as súas ideas nun debuxo en 3D e en plano elixindo a distribución dos espazos, as cores, os materiais e o tipo de compartimentos do armario.
Segundo apuntan os enxeñeiros responsábeis, as novidades desta aplicación atinxen “fundamentalmente... á interface, ao xeito en que se presenta ao usuario, mellorándose a interacción e facendo máis doadas as labores de edición e configuración do armario”. Tamén se decidiu dar unha meirande cobertura no servizo, abríndose a aplicación a novos sistemas operativos, concretamente Android por ser un dos máis populares entre o público xeral. “O desenvolvemento dunha aplicación para diferentes plataformas non é tan sinxelo como un usuario externo poida pensar a priori, xa que conseguir que unha aplicación teña unha feitura e unhas funcionalidades semellantes en todas as plataformas require un traballo importante”, apunta por último Celso Campos.

PUBLICIDADE