Situm revoluciona a xestión das empresas de seguridade coa súa solución MRM

luns, 16 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Situm, responsábel do innovador sistema do mesmo nome para a localización e navegación en espazos interiores, segue a dar pasos de xigante en tecnoloxías que nos permitan coñecer até o máis mínimo detalle a disposición dos elementos dun edificio e o seu emprazamento exacto, poñendo o foco, por suposto, na protección das persoas que están no interior dese edificio. Froito deste traballo son as tecnoloxías de xeolocalización en espazos interiores de Situm MRM, que, en palabras da empresa compostelá, melloran a dinámica das empresas de seguridade, para as que o control destes espazos é a base do seu traballo.
A solución Situm MRM, desenvolvida ao abeiro do amplo coñecemento que ten a empresa galega respecto do día a día do sector security, é unha contribución directamente encamiñada a axilizar o labor das ditas ditas firmas e simplificar as súas tarefas, axudándoas a superar as moitas dificultades de xestión que se lles presentan. “Esta tecnoloxía”, explican dende Situm, “é froito de moitos anos de traballo en materia de xeolocalización e da experiencia xerada ao longo deste tempo coas empresas de seguridade que depositaron a súa confianza en Situm, o que permitiu entender os desafíos concretos aos que se enfrontan e ofrecer unha tecnoloxía robusta e adaptada ás súas necesidades específicas”.
Entre os retos principais figuraba a consecución dun sistema fiábel e sinxelo dende o primeiro paso (Situm MRM facilita o traballo de seguridade desde o momento inicial, non requirindo instalación algunha, xa que a súa xeolocalización baséase en smartphones polo que o investimento inicial en hardware e mantemento é mínimo). A empresa galega engade que se trata dunha solución que non implica unha formación previa do persoal e que o centro de control require só unha pantalla desde a que se controla a situación detallada da zona protexida, mentres o persoal despregado en campo utiliza unha aplicación “doada de entender e manexar”. Situm salienta tamén o carácter intuitivo da ferramenta, “xa que os empregados están familiarizados co uso doutros sistemas GPS na súa vida cotiá”.
Amais, a xeolocalización baséase en diversas fontes de información: os sinais emitidos por distintos sensores xa dispoñibles no edificio (Wi-Fi e Bluetooth) e os sensores de movemento que incorporan os propios smartphones (acelerómetro, xiróscopo ou compás). Doutra banda, o sistema tamén é moi destacábel porque fica operativo aínda que non haxa cobertura, por exemplo durante as quendas de vixilancia en estacionamentos ou sotos. Todos os datos desta actividade son almacenados e, no momento en que se recupere o sinal, a tecnoloxía permite obter un informe detallado dos labores realizados nesa contorna.
Por outra banda, a solución permite a identificación e a monitoraxe do persoal de seguridade cunha precisión de poucos metros e achega unha rápida e efectiva resposta en caso de emerxencia (nunha soa pantalla é posíbel ter un control total da área vixiada o que minimiza drasticamente o tempo de resposta e a redistribución dos efectivos).
“Situm MRM”, explica a empresa, “non é só un sistema de localización, senón que é unha plataforma intelixente de xeolocalización que leva a cabo un rexistro diario de todas as actividades”. Así, a partir dos datos recolleitos, elabóranse estatísticas e informes onde fica rexistrado todo o labor diario, os percorridos realizados, as incidencias ao longo da xornada, os tempos de resposta ou mapas de calor. “Esta información”, engade a firma de Santiago, “facilita unha análise posterior que permite reaxustar as pautas de seguridade, se se cre necesario, e eliminar posíbeis perdas de efectividade”.

PUBLICIDADE