#SilverBullet18 móstranos este xoves como levar a bo porto os nosos proxectos TIC

mércores, 26 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Este xoves 27 toca falar das cousas que podemos facer para que os nosos proxectos tecnolóxicos cheguen a bo porto, amais de ter entre mans un bo proxecto de saída (cousa que en ocasións non abonda para garantir o éxito: cómpre empregar metodoloxías para sacar o mellor da iniciativa e do equipo humano co que contamos). Estamos a falar do congreso #SilverBullet18, segunda edición, que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, na Cidade da Cultura (auditorio do edificio CINC). A inauguración está programada para as 9.30 horas. Participan na sesión de apertura o presidente do CPETIG, Marcos Mata, e o director de Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da AMTEGA, Adrián Lence.
Trala inauguración, dará comezo a sesión na que intervirán como relatores Laurent Kummer (co-autor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM²), Rafa García (fundador de Valor 2.0 e experto en produtividade persoal e contornas colaborativas), Santiago Cabaleiro (responsábel de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017), Santiago Vázquez (director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrey, México) e Berta Candendo (responsábel de Content Factory en Netex Learning, que moderará a mesa de debate).
Organizado en colaboración coa AMTEGA, o foro está concibido “como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais ligados á xestión e á dirección de proxectos tecnolóxico-dixitais, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área”.
Ademais, outro dos seus grandes obxectivos é derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”. En base a isto, búscase fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
A razón do nome
Respecto do nome do congreso, #SilverBullet, lembrar que está inspirado nun “coñecido antipatrón” da xestión de proxectos, ou sexa, un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posíbel co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc, volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.

PUBLICIDADE