Sila Games, Premio Novo Empresario de AJE-Vigo

venres, 11 de decembro do 2015 Redacción

Sila Games, plataforma galega de distribución de xogos en liña, vén de obter o Premio Novo Empresario que concede a asociación AJE-Vigo, que onte mesmo tamén entregou outro galardón a Quesería Marqués de Valladares, máis polo miúdo o Premio Mozo Emprendedor. Sila Games, con sede en Vigo, é unha plataforma comercial con clientes en Estados Unidos, Canadá, Alemaña, Corea do Sur, Taiwán ou Australia. De feito, lembra AJE-Vigo, o 98% das súas vendas sitúanse fóra do mercado estatal.
Ademais, engade a asociación, Sila Games foi que de superar xa, por volume de usuarios, á meirande empresa de distribución de xogos dixitais en España e compite na actualidade con empresas do panorama internacional. Sila Games dispón dun catálogo de máis de 1.800 xogos para PC dalgúns dos maiores desenvolvedores do panorama internacional. A empresa foi posta en marcha por Francisco Javier Mosquera, que recolleu onte o devandito premio de mans do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
Na categoría de Mozo Emprendedor, Quesería Marqués de Valladares obtivo a mellor puntuación do xurado de todas as candidaturas presentadas. Trátase dunha tenda de venda de queixos artesáns estatais e internacionais que, en palabras de AJE Vigo, foi quen de “recrear as condicións dunha cava de maduración natural cunha temperatura constante de 12-14º e cun 80% de humidade, para que os queixos estean no seu punto óptimo de consumo”. Alejandro Montes Rodríguez, o promotor desta iniciativa, recolleu o galardóns de mans de José Manuel Nogueira, coordinador de Negocio de Abanca.
Por certo que dentro da categoría Mellor Empresario repartíronse tres accésits. O de Calidade foi para Beta, empresa de Pontevedra que deseña, desenvolve e fabrica implantes para o sector veterinario, sobre todo para traumatoloxía, ortopedia e neurociruxía veterinaria. O accésit de Innovación foi para Micaton, proxecto con sede en Vigo que se adica á creación de novos produtos aplicando I+D+i e enfocando as súas innovacións á bricolaxe e sector industrial. O terceiro accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial foi outorgado a Vigo Entrena, programa de adestramento deportivo personalizado para grupos reducidos.

PUBLICIDADE