Sientegalicia.com celebra dous anos de actividade promovendo na Rede os tesouros da nosa terra

xoves, 17 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

O equipo de responsábeis de Sientegalicia.com está estes días de celebración. Máis polo miúdo, a celebración dos seus dous primeiros anos de vida no mercado, cousa a ter moi en conta se pensamos no enleado que se está a pór, a día de hoxe, o vieiro da actividade comercial e económica en calquera das súas manifestacións. O caso é que dende Sientegalicia.com sosteñen que elixiron alá por 2011 unha das alternativas máis viábeis: a de pórse elas mesmas mans á obra cunha idea e un proxecto de valor, botando man de creatividade e coñecemento. “Cremos que as épocas de crises son un bo intre para crear e desenvolver un negocio que cumpra as expectativas desta revolución social na que estamos mergullados”, lembran dende Lugo Keina, Carmen en Noelia, as creadoras da web.
Ao seu xuízo e relacionado co devandito (estes tempos complicados), está claro que para unha boa parte da sociedade, e para elas tamén, comeza a ser unha necesidade emocional desconectar e gozar arreo do tempo de lecer. Aí, e tirando o máximo proveito das posibilidades que dá a Rede, entra en xogo Sientegalicia.com. “Somos mulleres emprendedoras”, din, “e ás tres gústanos viaxar e estamos sempre a navegar en Internet á busca da nosa escapada ideal, por iso puxémonos en marcha para crear o portal de venda de escapadas, especializado en Galicia e no que a nós nos gustaría mercar”.
Os inicios está claro que foron duros, coma os de tantos e tantos emprendedores da nosa terra: “As tres traballabamos anteriormente xuntas nunha empresa do sector da construción, e antes de que pechase por mor da crise xa empezamos a darlle forma a esta idea de negocio; como toda pequena empresa que compite nun mercado tan amplo, os inicios non foron doados, traballamos moi duro para chegar a este punto, pero estamos xa a ver os resultados deste esforzo, tanto en forma de vendas, como de visitas”. A este respecto cómpre ter en conta que o último ano a influencia da web medrou un 55% respecto ao anterior. Desde xaneiro a setembro de 2013 o número de páxinas vistas foi de 1.700.985.
E proseguen, explicando o que podemos atopar no seu servizo en liña: “Pasaron xa 24 meses e temos na web máis de 200 escapadas para gozar do lecer e do tempo libre, organizadas por temáticas: rural, romántica, benestar, gastronómicas, especial nenos, ofertas de última hora e tarxetas agasallo”. Por certo que estes días hai novidades neste catálogo de cousas e servizos, e veñen moi a conto co que tempo que estamos a vivir: trátase dunha temática outonal que abrangue cuestións relacionadas co viño (a vendima) ou coa festa de Samaín (Halloween) que xa se nos vén enriba.
A maioría dos clientes de Sientegalicia son galegos (70%), aínda que se realiza un número moi importante de reservas para clientes de Castela León, Asturias, Madrid, Cataluña, Valencia, Andalucía, Cantabria e Canarias. “Os galegos de media”, explican, “fan fuxidas máis curtas dentro do noso territorio (unha ou dúas noites en fin de semana), e os foráneos (30% restante), realizan estadías máis longas, reservando especialmente en pontes ou vacacións”.
Polo que se refire ao emprego das redes sociais, dende o equipo de Sientegalicia.com recoñecen ter traballado a fondo a estratexia dos servizos 2.0 “para escoitar o que os nosos consumidores nos din e responder ao que eles buscan”. Actualmente en Facebook teñen máis de 8.000 seareiros.
O proxecto medrou e nada indica que non o siga facendo no futuro. “Este ano”, comentan, “puidemos crear un novo posto de traballo e incorporar a unha nova compañeira ao noso equipo; entre as catro seguimos traballando a lume de biqueira, para facer este soño realidade, por este motivo temos moita ilusión en compartir esta celebración con todos aqueles que nos apoian, queremos festexalo a través de sorteos, promocións exclusivas e descontos que se celebrarán durante todo o mes de outubro”. Cómpre estarmos atentos.

PUBLICIDADE