Sete firmas galegas contarán con presenza de seu no Pavillón de España do Mobile World Congress

xoves, 15 de febreiro do 2018 Redacción

A nova edición do Mobile World Congress, senlleiro encontro internacional centrado en mostrar tecnoloxías móbiles de vangarda, vai contar con nutrida presenza galega. Segundo informa Red.es, o Pavillón de España contará coa presenza de 56 firmas de todos os recantos do Estado, sete das cales son da nosa terra. Como lembraremos, a nova edición de Mobile World Congress celebrarase do 26 febreiro ao 1 de marzo nas instalacións de Fira de Barcelona.
Os subsectores de actividade representados no Pavillón de España están relacionados con importantes áreas do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, e son os que citamos deseguido: Cidades Intelixentes, ciberseguridade, tecnoloxía financeira (fintech), Internet das Cousas (IoT), computación na nube, aplicacións móbiles, comercio electrónico, mercadotecnia dixital, tecnoloxías da linguaxe, información a gran escala (Big Data) ou aplicacións de saúde e benestar social.
Segundo lembra Red.es a propósito da importante presenza innovadora no Pavillón de España, o Mobile World Congress é o evento máis esperado pola industria mundial do móbil e o ano pasado congregou a máis de 100.000 visitantes procedentes de 198 países e a preto de 3.500 medios de comunicación. A iniciativa de Global Systems for Mobile Association (GSMA) convocou na súa anterior edición a máis de 2.000 empresas, centos de analistas, un bo número de delegacións gobernamentais e unha nutrida representación de institucións tanto públicas como privadas.
Sete empresas galegas
· Tecalis Innovación (O Milladoiro / Ames / A Coruña). Aplicación móbil de sinatura electrónica accesíbel.
· Disashop (Oleiros / A Coruña). Multinacional adicada á venda e distribución de produtos electrónicos prepagamento. A súa rede comercial de 61.000 puntos de venda permítelles chegar a 19 millóns de usuarios.
· Igalia (A Coruña). Consultora open source especializada no desenvolvemento de proxectos e solucións innovadores. Os seus enxeñeiros son expertos nun amplo rango de áreas: navegadores web, gráficos, multimedia e máquinas virtuais.
· Improving Metrics (A Coruña). Firma centrada na ciencia dos datos. Ten experiencia en análise de datos, calidade da información e aprendizaxe automática así como en mercadotecnia e analítica dixital.
· Quobis Networks (Porriño / Pontevedra). Desenvolve aplicacións WebRTC para operadores de telecomunicacións.
· Xesol Innovation (Vigo / Pontevedra). Empresa de I+D+i centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas ao coche conectado e intelixente, entres as súas solucións destacan Xesol Drive e Xesol IDE.
· Visual Publinet (Vigo / Pontevedra). Axencia de mercadotecnia e comunicación especializada en Internet e adicada ao deseño e o desenvolvemento de solucións de comercio electrónico e mercadotecnia en liña.

PUBLICIDADE